 


|
Fortín da Pomba, é un grupo de baile e música tradicional formado na súa maioría por xoves e nenos/as de Bandeira e parroquias darredor. Hoxe en día é un dos mellores grupos de baile galego como o demostran os premios acadados últimamente en concursos con outros grupos de grande nivel.
Fai a súa presentación oficial nas festas de verán de Bandeira no ano 1999 despois dun ano de ensaios intensos. Dende aquela ten participado varias veces en programas da TVG, tanto bailando como facendo exposicións e desfiles dos traxes do grupo nas dúas versións : modernos e antigos, de garda e de cotío. Fai numerosas actuacións tanto no Concello de Silleda co que colabora asiduamente, como fóra del actuando noutros concellos galegos e mesmo fóra de Galicia como por exemplo nas festas do Santiago en Sama de Langreo (Asturias), en Ciudad Real...
Tamén participamos en festivais que organizan outras agrupacións como A Colexiata do Sar, A Ponte Vella, Rosalía Castro... e tamén en concursos de baile tradicional en Vilagarcía, Vigo, Laracha-Coruña, a Estrada...
Pero sen dúbida algunha, o gran logro deste colectivo foi a creación do Concurso de Baile Tradicional Galego que ten por nome AZALOIRA. A primeira edición celebrouse o 15 de abril de 2001; a segunda o 30 de marzo de 2002, e a terceira edición o 13 de abril de 2003, en marzo de 2004 e en marzo de 2005, nove de abril de 2006, o día un de marzo de 2007 e o dezaseis de marzo de 2008.
AZALOIRA celébrase todos os anos arredor de Semana Santa, nos meses de marzo ou abril.
Por AZALOIRA teñen pasado os mellores grupos de baile galegos: O Fiadeiro, Cantigas e Agarimos, A Ponte Vella, Churía, Sta. María de
Torás, A Subela, Andarela, Gandaina, A Colexita do Sar.... e outros moitos.
Para poder levar a cabo este evento contamos coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Silleda. Este evento terá continuidade en anos vindeiros.
Fortín da Pomba, conta con catro seccións segundo a idade dos seus compoñentes e reciben clases de baile e pandeireta da man de mestres de recoñecido prestixio no mundo do folclore.
O grupo de acompañamento ten como mestre a Alberto Docampo, máis coñecido por Warren, contando este grupo cos seguintes instrumentos: gaitas, frauta, clarinete, acordeón, tambor, bombo, pandeireta e cantareiras.
Este grupo ten como obxectivo principal a divulgación e conservación do noso acervo cultural, tanto dende o punto de vista musical como do baile, tentando ser o máis riguroso posible na representación deste legado artístico dos noso devanceiros.
FORTÍN DA POMBA, está presidido por Josefa Ferreiro García, moi vinculada co mundo do folclore dende hai anos.
|